Hai moita xente que nin ten nin sente a necesidade de viaxar ao estranxeiro ou aprender outro idioma. Hai tamén outros que, pola forza das circunstancias, son bilingües, trilingües ou cantas-veces-lingües-faga-falta. E son numerosos os que empregaron horas e horas do seu tempo de estudio e de lecer para aprender a usar con maior ou menor soltura algunhas dos miles de linguas que se falan no mundo. O ideal sería viaxar a Pequín e falar en chinés; en Oulu, empregar o finés; e, a continuación, estudar a fondo unha lingua polinesia para pasar dúas semanas de absoluta tranquilidade en Vanuatu. Agora ben, algo así só está ao alcance dun puñado de xenios aos que non lles queda tempo nin para perdelo. Por iso a maioría ha de contentarse facéndose entender co inglés en Amberes, o ruso en Tallinn ou un espanglis italianizado na madrileña Praza de Cascorro.

Existe outra posibilidade: estudar unha lingua máis doada, que non sexa a lingua materna de (case) ninguén, e que polo tanto calquera interlocutor poida asumir como propia, sen sentirse excluído nin discriminado culturalmente. Esa lingua é o esperanto. Aprendela require certo esforzo, se ben considerablemente menor que no caso dos idiomas nacionais (por exemplo, non ten verbos irregulares nin diversas conxugacións). Quizais o mellor sexa intentar responder a dez preguntas que calquera navegante podería facerse:

1. Canta xente o fala?

En total hai 142.857 esperantistas. Non, é broma. En realidade non se sabe, pois non hai estatísticas. Non é o mesmo o número dos que o estudaron ou teñen coñecementos (millóns?) que o dos que o falan e utilizan con relativa frecuencia (un ou varios centos de miles?). De tódolos xeitos, sería necesaria unha vida ao Matusalén para poder falar con todos. Por certo, cantos doadores de sangue, cantos intérpretes, cántos xadrecistas ou persoas que tocan o piano hai no mundo?

2. É unha seita?

Non, e tampouco un partido político. O Jarlibro (anuario) da Universala Esperanto-Asocio, con sede en Róterdam, inclúe á súa vez información sobre asociacións especializadas, xa sexa de índole relixiosa (tanto de esperantistas musulmáns como católicos ou cuáqueros pasando polos mormóns, o wonbulismo e mesmo os propios ateos militantes), política (comunistas, Partido Radical), científica (informática, ornitoloxía, etc.) ou outras (cegos, radioafeccionados, espeleólogos, amantes da sauna…).

3. Cando se “inventou”?

O primeiro manual para aprender esperanto publicouno Lázaro Zamenhof en 1887 en Bialystok, cidade hoxe polaca e entón pertencente ao imperio dos tsares. O autor, xudeu rusofalante, oculista de profesión, tiña nese momento 27 anos.

4. É artificial ou natural? 

É, como todas as linguas, unha creación cultural, e nese sentido tamén é artificial (as palabras non caen das árbores nin xorden por xeración espontánea). A diferenza estriba na súa regularidade e facilidade, debida á súa orixe conscientemente canalizada. Entre os idiomas nacionais atopamos diversos graos de planificación, dende o ortográfico (coreano, castelán, turco tras Atatürk) ata operacións de fixación da lingua estándar (finés, euskera, hebreo moderno). É unha lingua natural dende calquera outro punto de vista (lingüístico, literario, sociolóxico); por iso non ha de estrañar que o PEN Club Internacional teña unha sección de escritores esperantistas, ou que haxa grupos de rock que optaron por el á hora de compoñer as súas cancións.

5.Ten futuro?

Sen dúbida, aínda que o que realmente conta é se ten presente (léase a seguinte pregunta).

6.Para que serve?

Principalmente, para “perder o tempo” ou para aproveitalo doutro modo con persoas de países e culturas diferentes, evitando a discriminación lingüística e a perda acelerada de neuronas que supón o estudio indiscriminado de gramáticas e dicionarios. Noutras palabras, para viaxar, para ler ou escribir (literatura traducida así como orixinal, tanto poesía como prosa), para navegar pola rede (que parece estar creada a propósito para os esperantistas), para facer amizades doutro tipo… No pasado tamén serviu para que individuos como Hitler ou Stalin o considerasen a un “elemento perigoso” e o retirasen da circulación sen maiores explicacións.

7.Hai tacos en esperanto?

Claro que si.

8. É unha lingua europea?

Aparentemente, no seu vocabulario, si que o é. A maioría das súas palabras son comúns a varias linguas europeas así como, por motivos históricos, a outras non europeas: pan dise pan en xaponés e pano en esperanto (pero reno dise boaco [boátso], directamente do lapón). Unha lingua da que o vocabulario fose seleccionado de todos os idiomas existentes, por medio de cotas, sería inviable: ao quechua corresponderíanlle talvez cinco palabras, ao galego outras cinco, etc. (pero cáles?). Por outra banda, a orixe do vocabulario do esperanto remóntase non a 1887, senón ao das súas fontes etimolóxicas. Exemplo: a palabra latina praecoqua (ou Persica praecox), é dicir “melocotón inmaturo”, pasa ao grego (praikókion) e deste ao árabe como barqúq ou, con artigo, ao-barqúq. De aquí proceden a forma italiana albicòcca, a española albaricoque, a portuguesa albricoque, a occitana albricòt e as catalás albercoc e abercoc. A palabra catalá deu lugar á francesa abricot, posteriormente adoptada por varias linguas europeas, entre elas o esperanto, con abrikoto [CHERPILLOD, André: Mil ekzotaj vortoj. Courgenard: o autor, 1992, 122 p.]. Non obstante a súa gramática, regular e non moi complicada, aseméllase nalgúns aspectos á de certas linguas asiáticas, como o chinés (a maior dificultade do cal se limita ao uso de ideogramas e ao feito de ser un idioma tonal).

9. Non supón unha contradición ser intérprete e esperantista á vez?

Non, ao contrario. Máis clara que o verbo ser resulta a expresión “falar esperanto e traballar como intérprete”. En ambos os dous casos trátase de facilitar a comunicación, a propia ou a doutros.

E para rematar, aquí podes ver (en castelán) unha cronoloxía do esperanto, dende que o deseñase Zamenhof. Podes ver tamén como se desenvolveu en España. Tamén cando e por que foi considerado unha lingua perigosa, malia a súa relación coa non violencia, e como foi valorado despois pola UNESCO en diversas resolucións. Quizais che interese xa ver algo da súa gramática e pronunciación. O saber das súas capacidades na creación literaria, que explican unha xa dilatada historia. Podes ver exemplos de traducións, ou unha selección de literatura orixinal, así como pescudar algunhas mencións ao esperanto na literatura en español.